A feira

A Feira de Emprego PONTEEMPREGO constitúe unha cita consolidada, un punto de encontro entre diferentes propostas empresariais, iniciativas emprendedoras e persoas en busca activa de emprego para comunicarse, debater, achegar as súas ideas máis polo miúdo, atopar talento, inspiración e apoio, xerar sinerxías, favorecer contactos e colaboracións…

A Concellaría de Promoción Económica, Emprego e Turismo de Pontevedra organiza esta feira que, na súa terceira edición, terá lugar os días 25 e 26 de xuño no Pazo da Cultura. O evento está chamado a converterse nunha excelente oportunidade non só para as persoas que están sen emprego, senón tamén para aquelas que desexan cambiar de traballo ou que pensan en mellorar a súa situación profesional.

PONTEEMPREGO é unha aposta firme e decidida da concellaría que dirixe Carlota C. Román García para fomentar procesos favorables á creación de emprego e introducir novas medidas de impulso á intermediación e apoio á colocación. Tras o éxito da pasada edición, que supuxo a posta en marcha dun novo concepto de feira de emprego que evitaba a formación de tediosas colas interminables para entregar en man un currículo, a Feira de Emprego de Pontevedra tornouse nunha ferramenta útil, valiosa e realista no eido laboral.

Trátase do escenario idóneo no que concentrar a oferta de emprego e a demanda de traballo, mentres se facilita o encontro e o intercambio. Representa tamén o escaparate no que amosar as tendencias do mercado laboral, así como dar a coñecer recursos e ferramentas útiles para a busca de emprego, procurando, ao tempo, mellorar as competencias e cualificacións profesionais das persoas interesadas.

PONTEEMPREGO consta de tres piares: un de formación e asesoramento, para favorecer a busca de emprego a través, por exemplo, da elaboración dun bo currículo ou da creación dunha rede de contactos; outro de intermediación, para facilitar ao máximo os procesos de selección de persoas candidatas e cubrir as necesidades de contratación das empresas; e, por último, un apartado sobre emprendemento, para facilitar ferramentas e consellos á hora de poñer en marcha un negocio, avaliar unha idea ou probar a capacidade xestora.